Voz Audiovisual

Toda Ardora pendente da desaparición de Rosalía Fortes

24/1/2020

Este domingo, a partir das 22:30h, Televisión de Galicia emite o último episodio da temporada do thriller A Estiba no que Manuela Fortes, despois de recuperar o seu posto como comisaria, terá que enfrontarse á desaparición da súa irmá Rosalía

Que Ardora non era unha cidade tranquila quedou claro desde o primeiro episodio da serie, no que a masacre do Delta, o barco que atracou no porto con toda a tripulación asasinada, non presaxiaba nada bo para a comisaria Manuela Fortes que nese momento instalábase de novo na cidade para dirixir o traballo da Policía Nacional e substituír ao seu pai no posto.

Conforme avanzaron os episodios e as tramas dos personaxes evolucionaron tamén quedou claro que a familia Fortes ía sufrir máis da conta, aínda que o seu apelido daba idea da forza coa que Manuela, Rosalía ou Cruz superarían cada un dos problemas aos que tiveron que facer fronte. Pero ningunha das tres podería vaticinar o que acontecerá no episodio deste domingo.

Despois de pechar o caso do asasinato do o estibador que apareceu pendurado dun guindastre do porto; e de que Sofía, a policía de asuntos internos, devolvese o posto de comisaria a Manuela, a falta de información sobre Rosalía fai saltar todas as alarmas sobre un posible secuestro.

O primeiro movemento de Manuela é falar con Lionel, o xefe de Rosalía. Pero a única información que consegue é que a súa irmá está facendo xestións administrativas. A localización do teléfono confirma o relato de Lionel, pero Manuela non cre a versión do construtor e sospeita que algo malo podería pasarlle a súa irmá.

As sospeitas converteranse en certezas cando César Longueira contacta con Manuela para confesarlle que teme pola vida de Rosalía e acordan sumar forzas e traballar xuntos para dar con ela o antes posible.

Ao mesmo tempo Manuela pretende abrir outra liña de investigación: atopar probas das tácticas criminais de Lionel para poñelo a disposición xudicial. Con ese obxectivo encarga a Kubala e Estela investigar a relación que mantiña o perigoso construtor con Estevo, o traballador do concello de Ardora, e que non tardará en dar resultados para sorpresa de todos os efectivos da comisaría.

O único que realmente sabe o que está pasando é Marcos, o alcalde de Ardora, ao que Lionel chantaxea esixíndolle os cartos do proxecto do porto se quere recuperar a Rosalía sa e salva.

Os movementos estraños de Marcos porán en alerta a Cruz que sospeita de que o alcalde ten noticias sobre o paradoiro da súa irmá e, despois de obter a aprobación de Manuela porá en marcha unha operación de seguimento. Pero Marcos non permitirá que ninguén poña en risco a delicada situación de Rosalía.

LA VOZ DE GALICIA | RADIOVOZ | SONDAXE CANALVOZ | FUNDACIÓN | VOZ NATURA | PRENSA ESCUELA | MÁSTER | GALICIA EDITORIAL | CORPORACIÓN |        Aviso legal | Privacidad | Condiciones generales